Galicia presenta ante 27 países da UE o proxecto Galitex de apoio á inserción laboral de traballadores do téxtil


A Comunidade galega convértese en anfitriona do encontro internacional do Fondo Europeo de adaptación á globalización (FEAG) no que participa a Secretaría Xeral de emprego, Covadonga Toca.  

Galicia converteuse hoxe en anfitriona do Encontro internacional do fondo europeo de adaptación á globalización (Feag) no que participan 27 países da Unión Europea. A través deste fondo, a Xunta puxo en marcha este ano o proxecto Galitex de apoio á inserción laboral de traballadores e traballadoras do sector téxtil.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, está a participar na xornada na que se presentou o programa que se basea nun plan de actuación integral á medida dos participantes que inclúe, entre outros, obradoiros á carta e axudas de ata 400 euros para promover a participación activa no programa.

Na actualidade, tras executarse a fase de diagnose inicial coa realización de xornadas informativas en Ordes e A Coruña, estanse a celebrar obradoiros informativos de activación laboral para apoiar aos participantes no proceso de busca de emprego, potenciando as súas capacidades profesionais. Ata o momento inscribíronse na iniciativa que impulsa a Consellería de Economía, Emprego e Industria preto de 140 persoas. Nas próximas semanas poranse en marcha programas de orientación, de formación e de inserción, ao tempo que se activarán as bolsas de axudas.

Toca puxo en valor a importancia desta actuación que se desenvolve en colaboración coa Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega) e as federacións UGT-FICA e de Industria de CCOO de Galicia.

O plan a medida, que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros, está dirixido aos traballadores e traballadoras do téxtil de Ordes e a súa comarca, que estiveron afectados por un Expediente de Regulamento de Emprego (ERE) no período comprendido entre o 30 de xullo de 2016 e o 30 de abril de 2017. O obxectivo principal é que os participantes, nun 83,5% mulleres, con idades comprendidas entre os 30 e 54 anos, atopen un novo emprego no mesmo sector ou noutra actividade económica.

A iniciativa inclúe 6 programas con medidas encamiñadas á asistencia na procura dun emprego; reciclaxe profesional a medida; promoción do espírito empresarial con vistas ao establecemento por conta propia; e incentivos para promover a participación activa no programa facilitando, entre outros, o desprazamento ou a conciliación da vida familiar. Do que se trata, segundo explicou Toca, é de acompañar aos participantes no proxecto de xeito persoal e individualizado ata a súa reinserción no mercado de traballo. O programa, ademais, inclúe un seguimento personalizado de cada traballador desde a súa entrada no mercado laboral ata un ano despois do remate de Galitex, no segundo semestre de 2019.

Axudas para a participación O programa de incentivos inclúe axudas por asistir ás sesións de orientación e inserción cun máximo de 400€ ao longo de todo o proxecto; apoios ao desprazamento con 180€ de máximo por curso formativo presencial que precise o desprazamento do domicilio, incluíndo gastos de autoestrada ou aparcamento; bolsas para a conciliación no caso de ter unha persoa menor de 9 anos ou un dependente a cargo; e axudas para o autoemprego de 200 euros ao mes durante un máximo de 6 meses no caso de constituírse como autónomo.

A iniciativa da Administración autonómica é, polo tanto, e tal e como afirmou a secretaria xeral de Emprego, un proxecto feito á medida dos traballadores do téxtil. Prevese que un 70% dos beneficiarios potencias poidan mellorar a súa empregabilidade e que un 45% como mínimo das persoas que se impliquen nos itinerarios completos atopen un traballo.

Toca, para rematar, sinalou que o téxtil é un sector prioritario para o Goberno galego. De feito, non é a primeira vez que se pon en marcha un proxecto á medida de traballadores afectados por un ERE neste ámbito. Empregatex, que se realizou no 2010, acadou a inserción laboral dun 64% das persoas que participaron nos itinerarios de inserción e nos diferentes plans de acción.